Friday 03 de May de 2024

Xunta de Galicia e Concello de Boqueixón estudan novas liñas de colaboración


O alcalde, Ovidio Rodeiro, reuniuse coa directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, reuniuse en San Caetano coa directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé. Na xuntanza abordáronse varios temas de interese para o rural deste municipio, relacionados coa posta en valor e recuperación da terra agraria.

Ovidio Rodeiro explica que “fixemos un seguimento da concentración parcelaria posta en marcha en Lamas, Loureda, Sergude e Vigo e planificamos unha reunión para tratar sobre a reorganización das terras nas parroquias restantes de Boqueixón”.

A concentración parcelaria de Lamas, Loureda, Sergude e Vigo reorganizará unha superficie de 1.957 hectáreas divididas en 10.460 parcelas propiedade de 1.195 veciños e veciñas de Boqueixón. Un procedemento no que a Xunta ten previsto investir 5.871.000 euros para mellorar a estrutura territorial da zona e beneficiar tamén ás 136 explotacións agropecuarias existentes na contorna.